Co financiamento de:
/ Portada / PRL Sectorial

Campaña do ISSGA no sector vitivinícola

12-06-2026 - ISSGA

O obxectivo desta campaña o ISSGA é difundir e sensibilizar da importancia da prevención de riscos laborais no sector vitivinícola coa presentación actualizada da documentación técnica sobre o traballo na viña, na vendima e na adega nas que, dun xeito moi gráfico e visual, pódense identificar os riscos laborais e medidas preventivas asociados a estes traballos que permitan tanto unha diminución da sinistralidade laboral como a mellora das condicións de traballo das persoas empregadas nese sector.

Con ela búscase facer facilmente accesibles e comprensibles os tipos riscos e as medidas preventivas para as persoas traballadoras e as que se están formando para incorporarse a o mercado laboral neste sector.

Nesta documentación poden identificar os lugares e as tarefas habituais para as persoas traballadoras deste sector, así como os equipos e máquinas que empregan a diario, co fin de coñecer e evitar os riscos laborais aos que se enfrontan e mellorar as condicións de traballo das persoas empregadas nese sector.

Prevención de riscos na viña

Reflíctense os riscos presentes na preparación do terreo ou nos tratamentos ás cepas, como os derivados do traballo no exterior (exposición solar e calor, frío e humidade), do uso de equipos de traballo (tractor, apeiros, rozadoira, motoserra, aramios...) ou de produtos fitosanitarios, así como os trastornos musculoesqueléticos ou pola manipulación de cargas. Nese sentido, pode haber caídas ao mesmo ou distinto nivel, exposición excesiva ao ruído ou vibracións e alerxias a determinados produtos, entre outros.

Ligazón ao documento Prevención de riscos na viña

Prevención de riscos na vendima

No que ten que ver coa vendima, recóllense os riscos laborais durante os traballos da recollida da uva, o momento do proceso produtivo no que máis cantidade de persoas traballadoras conflúen simultaneamente. Neste caso cómpre subliñar os riscos laborais asociados ao uso de equipos (caídas a distintos nivel), de vehículos e remolques (circulación, enganche e desenganche), aparellos elevadores (sobre todo nalgunhas denominacións de orixe pola inclinación do terreo), o uso de ferramentas manuais e os trastornos musculoesqueléticos e a manipulación de cargas.

Ligazón ao documento Prevención de riscos na vendima

Prevención de riscos na adega

Recóllense os principais riscos e medidas preventivas asociadas aos traballos en adegas, que comprenden desde a recepción da uva na vendima, ata a saída do viño da adega. Así mesmo, recolle os riscos relativos á seguridade dos lugares de traballo e dos equipos, así como os riscos do ambiente de traballo, o uso seguro de substancias e mesturas e a manipulación manual de cargas. 

Ligazón ao documento Prevención de riscos na adega

Nos tres documentos inclúense aspectos transversais como a perspectiva de xénero, as medidas de emerxencia, os primeiros auxilios, a utilización de EPI ou a lexislación aplicable.

Plan de prevención

É no plan de prevención de riscos laborais da empresa onde deben quedar reflectidos estes riscos, no que, ademais de manifestar a política da empresa, deberá incluír a estrutura organizativa, as responsabilidades, as funcións, a avaliación de riscos, a planificación de accións, os procedementos, os procesos e os recursos necesarios para desenvolver de forma óptima a acción preventiva no seo da empresa.

A identificación e valoración dos riscos existentes en cada proceso son fundamentais para posteriormente establecer as medidas preventivas necesarias co fin de minimizar as ameazas que estas xeran na integridade física, psíquica e social do persoal traballador. 

 

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS